Federación de Libreiros honra a Fina Casalderrey en Carballo (Cris Souto – La Voz de Galicia)

Fina Casalderrey foi a grande triunfadora da velada, ó recibir o premio do xurado á mellor autora polo seu compromiso coa dignificación da literatura infantil e xuvenil. Mutacións xenéticas ou O misterio dos fillos de Lúa, son dúas das súas obras máis recoñecidas. O premio colleuna por sorpresa: recibiu a nova estando no IES Salvador Moreno de Marín, onde é profesora de educación secundaria.Foi unha das compañías máis buscadas antes e despois do acto mesmo, nun bule-bule de escritores, libreiros, profesores, representantes editoriais, do mundo da comunicación, políticos e eruditos da lingua galega que aproveitaron a ocasión para poñerse ao día de novas tendencias, discutir sobre a normativa do galego, a situación do libro ou lembrar amigos comúns, como Francisco…

Por en Para libreros

Fina Casalderrey foi a grande triunfadora da velada, ó recibir o premio do xurado á mellor autora polo seu compromiso coa dignificación da literatura infantil e xuvenil. Mutacións xenéticas ou O misterio dos fillos de Lúa, son dúas das súas obras máis recoñecidas. O premio colleuna por sorpresa: recibiu a nova estando no IES Salvador Moreno de Marín, onde é profesora de educación secundaria.

Foi unha das compañías máis buscadas antes e despois do acto mesmo, nun bule-bule de escritores, libreiros, profesores, representantes editoriais, do mundo da comunicación, políticos e eruditos da lingua galega que aproveitaron a ocasión para poñerse ao día de novas tendencias, discutir sobre a normativa do galego, a situación do libro ou lembrar amigos comúns, como Francisco Fernández del Riego, Paco para os amigos, o primeiro autor premiado polo gremio de libreiros.

A recente gañadora compartiu mesa cun dos primeiros premiados, aló polo 1993, don Bernardino Graña e con Manolo Rivas, premio 1999. Ó seu redor, manifestouse a tendencia humana a xuntarse por afinidade xeográfica ou gremial. Os de Cee nunha mesa, os de Lugo noutra, os colexios apostados nun recuncho, as autoridades no lugar de honra e, aquí e alá, fotografías das contraportadas de grandes libros galegos.

Premio en Santa Comba

Nun certame organizado pola Federación de Libreiros de Galicia, foi unha libreira quen embelesou ao público co mellor relato da noite: a historia dun soño feito realidade. Isabel Ares, unha moza de Santa Comba, filla de labradores, abriu a libraría San Cristovo con 16 anos e o apoio duns pais que cambiaron as terras polos libros da rapaza. Hoxe rexenta Ler Libraría, en Santa Comba, posúe sete tendas por toda España baixo franquicia e está a piques de abrir outras catro. A noite do venres recolleu o premio Irmandade do Libro acompañada de seus pais.

Houbo galardóns tamén para a Biblioteca Virtual (Bivir.com), da Asociación de Traductores Galegos (ATG); o centro de investigación Ramón Piñeiro; o colexio Marcos da Portela, de Monteporreiro; Feísmo? Destruír un país, publicado pola Difusora de Letras, Artes e Ideas; e Os libros arden mal, de Manolo Rivas, quen se encargou de abrir o acto cultural cun discurso que lembrou o baixo índice de lectura actual.

O alcalde carballés, Evencio Ferrero, non perdeu a ocasión de comezar a poñer en práctica o recente compromiso adquirido polo Concello de defender a Xesús San Luís Romero, o zapateiro poeta de Carballo, e lograr que se lle dedique o Día das Letras Galegas.

Quedou no aire a promesa de situa-la capital bergantiñana no eixo da promoción literaria galega. O primeiro paso terá que ser, polo menos, lograr o despegue da Feira do Libro.

Destacou a estatuína, ben fermosa ela, e pesada coma a responsabilidade que representa ser un heroe da lingua e da literatura galegas.